domingo, 20 de dezembro de 2015

Traballo 55 mentiras sobre a lingua galega

A seguir aparecen os aspectos sobre os que tendes que traballar. A data límite de entrega, en papel ou a través da AV, é o martes 23 de novembro.

Os datos da obra en papel son:

https://laiovento.gal/CATALOGO/707/55-MENTIRAS-SOBRE-A-LINGUA-GALEGA.html

 E aqui está a ligazón para a versión en PDF:

 http://www.prolingua.gal/userfiles/files/55%20Mentiras%20IBD.pdf

O obxectivo tanto da lectura do libro coma do traballo é que reflexionedes e expresedes as vosas opinións, pero sempre de xeito fundamentado e argumentado. Valorarase tanto o que dicides -contido- como o xeito de dicilo -expresión-.



TRABALLO DE LINGUA E LITERATURA GALEGA

 O caderno 55 mentiras sobre a lingua galega, publicado por Edicións Laiovento en 2009, foi coordinado por Xosé Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo especializado en sociolingüística das linguas europeas minorizadas e Vicerreitor de Extensión Universitaria.

A. MENTIRAS SOBRE A HISTORIA DAS LINGUAS
1. Está bastante estendida a idea de que os galegos e as galegas adoptamos de maneira natural e voluntariamente o castelán. Nesta publicación demóstrase que non foi así senón que o castelán se impuxo e o galego foi discriminado. Explícao coas túas palabras e non esquezas achegar datos obxectivos.

2. En que momento a imposición foi tan forte que se reduciu á metade o número de galegofalantes? Como se conseguiu isto?

3Aínda que pareza incrible, as prohibicións do uso do galego chegan ao século XXI. Cales se citan no libro? Está nas mans dos falantes facer algo ao respecto?

4. Define a expresión “represión sutil” contra o galego e pon algún exemplo.

5. En relación coa pregunta anterior, cres que unha persoa galegofalante escolle libremente empregar o castelán en determinadas circunstancias? Razoa a resposta.

6. Nalgunhas ocasión, o que se publica ou se di nos medios de comunicación responde a determinados intereses e non ten moito que ver coa realidade. Iso foi o que sucedeu en 2009  co falso discurso da “imposición del gallego”. Que datos estatísticos demostran que esa idea era e é moi minoritaria na sociedade galega?

B. MENTIRAS SOBRE A SOCIEDADE E A IDENTIDADE
1. Xustifica estas afirmacións:
- “O castelán non é a lingua propia de Galicia”.
- “O castelán ten dereitos que se lle negan ao galego”.
2. Por que a idea de que hai que contestar en castelán se nos falan en castelán é un comportamento lingüístico que fai moitísimo dano á lingua galega?
3. Non toda a sociedade galega é bilingüe galego-castelán. Explica por que.
4. Que galegos e galegas padecen a síndrome de Michael Jackson?
5. Un exemplo de como determinados grupos contrarios ao galego terxiversan a realidade é o caso sobre a campaña “Chámate con xeito”. Resúmeo.


C. MENTIRAS SOBRE ENSINO E DEREITOS
1. Por que a lei non permite que os pais se neguen a que os fillos estuden galego? De cando é a última sentenza en contra? Cales son as recomendacións das institucións da Unión Europea sobre este suposto dereito?

2. En moitos centros concertados e nalgúns públicos, nas materias que deben ser impartidas en galego o libro está en galego pero a clase dáse en castelán. Pasouche algunha vez algo así en primaria ou secundaria?

3. Xustifica con datos por que non é certo que a maioría das clases en Galicia son en galego.

4. É verdade que en Gales e Finlandia os pais poden escoller a lingua escolar dos fillos, como afirman algúns? Razoa a resposta.

5. En moitos foros escóitanse voces que aseguran que o alumnado catalán ten un baixo coñecemento do castelán porque estuda case todo en catalán. Que argumentos en contra podes achegar?

6. Todos os libros, os de calquera lingua tamén, conteñen ideoloxía. Mesmo os de lingua castelá. Que exemplos da historia do castelán se citan?

7. Segundo estudos empíricos e prácticos, que problemas lle pode causar a un neno de lingua familiar dominante e prestixiada ser escolarizado noutra lingua? E a un neno que ten como lingua familiar a desprestixiada socialmente ser escolarizado na lingua dominante?

D. FALACIAS NA ADMINISTRACIÓN
1. Cres que realmente é un gasto necesario que os rótulos (das rúas, hospitais...) estean en galego e castelán? Tan diferentes son as linguas que non van entender os letreiros as persoas de fóra? Razoa a resposta.

2. Estaría ben que os pacientes soubesen os médicos que os poden atender en galego? Razoa a resposta.

E. FALACIAS NO MUNDO DO COMERCIO E DA EMPRESA
1. Ningunha empresa galega perdeu clientela por empregar o galego. Daquela, por que o mundo empresarial segue a rexeitar o uso da nosa lingua?

2. Pénsase que as subvencións ao galego son un negocio para moitas empresas pero está máis subvencionado o galego en Galicia que o castelán no resto do Estado?

3. É realmente o galego un obstáculo para a contratación de profesionais de fóra, segundo a información que se manexa no libro?
\
4. Non hai moito tempo, nunha reportaxe de TVE sobre empresarios españois na China, todos os entrevistados afirmaban que estudaran chinés, aínda que as reunións de negocios se desenvolvían en inglés. Por que cres que o fixeran?

5. Que vantaxes a nivel empresarial pode ter saber galego e castelán?

F. MENTIRAS SOBRE OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN
1. Algúns pensan que como a TVG e a Radio Galega son pagadas tamén por galegos que falan castelán deberían emitir parte da programación nesa lingua. Se aplicásemos isto ás cadeas e emisoras estatais, canto tempo deberían emitir en galego, catalán e éuscaro tendo en conta o número de falantes destas linguas que as subvencionan?

G. MENTIRAS SOBRE A NORMATIVA DO GALEGO
1. “O galego normativo é un galego artificial e, ademais, a normativa sempre está a cambiar.” Isto quere dicir que as demais linguas carecen de normativa e nunca cambian? Razoa a resposta.

2. Procura información sobre todos os cambios que se produciron na normativa do castelán ao longo da historia.

3. Algunhas persoas din que non falan galego para non o falar mal. Implicitamente están recoñecendo que falan moito mellor o castelán. Se fose certo non existiría o castrapo. Que é o castrapo e a que se debe?

4. En que momento se elaboran as normas do galego? Cantos anos de vantaxe nos levan as primeiras normativas das outras linguas romances (castelán, italiano, francés...)?

5. Por que podemos afirmar que o galego é tan apropiado coma calquera outra lingua para tratar de calquera tema?

H. MENTIRAS SOBRE A UTILIDADE DO GALEGO
1. É certo que o galego non ten proxección internacional porque ten poucos falantes e que por iso debe deixar de usarse?

2. Todas as linguas con centos de millóns de falantes teñen proxección internacional?

3. Cantos falantes máis que o galego ten o danés, o lituano ou o islandés? Deixan por iso de empregalos os seus falantes?

4. Se unha lingua é útil só por ter máis falantes, daquela, o castelán en Europa é máis útil ca o galego. É isto certo? Razoa a resposta.

I. MENTIRAS VERBO DA CULTURA
1. Os escritores galegos que escriben en castelán están discriminados. Arguméntase que aquí non reciben axudas. A realidade é que escribir en castelán ten moitas máis vantaxes que escribir en galego. Explica por que.

2. Ten sentido que en Galicia se subvencione a cultura en castelán cando xa hai organismos estatais que o fan?


Sem comentários:

Enviar um comentário