Estes son os pasos a seguir para o comentario dunha cantiga medieval:
1. Identificación do xénero e subxénero, en función da voz poética (masculina- feminina, dialogada, narrativa), presenza de palabras clave (amigo, senhor, termos cómicos ou obscenos...), elementos mencionados no texto (ambientais ou outros)...
2. Paráfrase ou explicación do contido do poema en galego moderno, no sentido literal e no simbólico (se o houber). Evitar mesturar ambos planos.
3. Análise formal: rima, versos, estrofas. Tipo de cantiga (refrán, mestria) e recursos presentes (leixa-prén, refrán, dobre, paralelismos...)
Como exemplo, este sería un posíbel comentario da cantiga de Don Dinís que aparece na página 244 do libro:
Comentário de "Levantou-se a
velida"
A
cantiga que imos comentar pertence ao xénero de amigo, mais presenta variantes
sobre o modelo habitual, tanto na forma coma no contido. Para comezar, a voz
textual non é feminina, xa que fala un narrador, mais o feito de que a
protagonista do poema sexa unha moza ("a velida", "a
louçana"), e que a temática non é burlesca -aínda que tampouco claramente
amorosa-, permítenos clasificala neste xénero. Ademais, as referenzas á
"alva" fan que poidamos considerala unha alba ou alborada.
Como
xa indicamos, a voz textual pertence a un narrador, que relata en terceira
persoa o que fai un personaxe feminino. Presenta por tanto estrutura narrativa,
e non apostrofada.
Canto
ao argumento, na cantiga fálasenos dunha moza "velida" e
louçana", e dicir, moi fermosa, que se ergue pola mañá cedo (á
"alva") e vai até un río (o "alto") para lavar a súa roupa
interior (chamada no poema "camisas" ou "delgadas").
Mentres está facendo isto, levántase o aire e dificúltalle o traballo ("o
vento llas desvía/ levanta"). Como consecuencia, a moza enfádase
("meteu-s'alva em ira/ sanha"). Para entender o poema como de
temática amorosa, debemos coñecer algunhas claves simbólicas habituais nestas
composicións: a auga, e o acto de lavar, asóciase á muller, e o vento ao home;
así, a lectura que podemos facer ten que ver co encontro amoroso entre a moza e
o seu amado, que ten lugar ao pé dun río, e que conclúe co enfado da moza sen
que quede claro que é o que o motiva.
Formalmente,
a cantiga está formada por seis estrofas de cinco versos de arte menor e medida
irregular (7-5-7-4-6). A rima é asonante entre os versos 1º e 3º, consonante entre
o 2º e 5º, e o 4º queda libre; hai dous esquemas de rima: aba-b nas estrofas
impares e aaa-a nas pares. É unha cantiga paralelística ou de refrán, que neste
caso é "Vai-las lavar alva"; tamén se repite o penúltimo verso, porén
non consideramos que este faga parte do refrán porque está encabalgado co
anterior, que si varía. Igualmente, repítese sen variación o segundo verso de
cada estrofa, e isto afecta ao leixa-pren: non é o segundo, senón o terceiro
verso o que reaparece como primeiro da estrofa posterior ("e vai lavar
camisas", "e vai levar delgadas", "o vento lh'as
desvia", "o vento lh'as levava"). Finalmente, a cantiga ten
paralelismo: os versos primeiro e terceiro de cada estrofa son paralelos entre
si ("levantou-se a velida/ louçana", "e vai lavar camisas/
delgadas", "o vento lh'as desvia/ levava", "meteus'alva em
ira/ sanha").
Sem comentários:
Enviar um comentário