quinta-feira, 16 de fevereiro de 2017

Cantigas de burlas, santa María e prosa medieval

BLOQUE 5 EDUCACIÓN LITERARIA:
CANTIGAS DE BURLAS,CANTIGAS DE SANTA MARÍA E PROSA MEDIEVAL
1. Cantigas de burlas
1.1. As cantigas de escarño e as cantigas de maldizer
a) Que características tiñan as cantigas de burlas galego-portuguesas? Cal era a diferenza entre as cantigas de escarnho e as de maldizer?
1.2. Tipoloxías e principais ciclos temáticos
a) Cal é a relación entre as cantigas de burlas e a sociedade medieval? Cales eran os destinatarios destas cantigas?
b) De que tipos poden ser as cantigas de burlas?
1.3. A lingua e a forma da cantiga de burlas
a) Como era o léxico das cantigas de burlas?
2. Cantigas de Santa María
2.1. Características da obra
a) Cantas composicións forman as Cantigas de Santa María? Como se clasifican?
2.2. Estrutura
a) Como se organiza a obra?
b) Que esquema seguen as cantigas narrativas?
c) Cales son as características principais das cantigas non narrativas?
3.3. Métrica (X)
3.4. Problemática da autoría
a) Cal foi o papel de Afonso X na composición das Cantigas de Santa María?
3.5. Fontes (X)
3.6. Motivación
a) Cales foron os motivos que moveron a Afonso X a redactar as Cantigas de Santa María?
3.7. A tradición manuscrita (X)
4. Prosa medieval

a) En que grupos se clasifica a prosa medieval? Que características teñen e que obras pertencen a cada una?

quinta-feira, 9 de fevereiro de 2017

Exemplo comentario cantiga

Estes son os pasos a seguir para o comentario dunha cantiga medieval:
1. Identificación do xénero e subxénero, en función da voz poética (masculina- feminina, dialogada, narrativa), presenza de palabras clave (amigo, senhor, termos cómicos ou obscenos...), elementos mencionados no texto (ambientais ou outros)...
2. Paráfrase ou explicación do contido do poema en galego moderno, no sentido literal e no simbólico (se o houber). Evitar mesturar ambos planos.
3. Análise formal: rima, versos, estrofas. Tipo de cantiga (refrán, mestria) e recursos presentes (leixa-prén, refrán, dobre, paralelismos...)
Como exemplo, este sería un posíbel comentario da cantiga de Don Dinís que aparece na página 244 do libro:

Comentário de "Levantou-se a velida"

A cantiga que imos comentar pertence ao xénero de amigo, mais presenta variantes sobre o modelo habitual, tanto na forma coma no contido. Para comezar, a voz textual non é feminina, xa que fala un narrador, mais o feito de que a protagonista do poema sexa unha moza ("a velida", "a louçana"), e que a temática non é burlesca -aínda que tampouco claramente amorosa-, permítenos clasificala neste xénero. Ademais, as referenzas á "alva" fan que poidamos considerala unha alba ou alborada.

Como xa indicamos, a voz textual pertence a un narrador, que relata en terceira persoa o que fai un personaxe feminino. Presenta por tanto estrutura narrativa, e non apostrofada.

Canto ao argumento, na cantiga fálasenos dunha moza "velida" e louçana", e dicir, moi fermosa, que se ergue pola mañá cedo (á "alva") e vai até un río (o "alto") para lavar a súa roupa interior (chamada no poema "camisas" ou "delgadas"). Mentres está facendo isto, levántase o aire e dificúltalle o traballo ("o vento llas desvía/ levanta"). Como consecuencia, a moza enfádase ("meteu-s'alva em ira/ sanha"). Para entender o poema como de temática amorosa, debemos coñecer algunhas claves simbólicas habituais nestas composicións: a auga, e o acto de lavar, asóciase á muller, e o vento ao home; así, a lectura que podemos facer ten que ver co encontro amoroso entre a moza e o seu amado, que ten lugar ao pé dun río, e que conclúe co enfado da moza sen que quede claro que é o que o motiva.


Formalmente, a cantiga está formada por seis estrofas de cinco versos de arte menor e medida irregular (7-5-7-4-6). A rima é asonante entre os versos 1º e 3º, consonante entre o 2º e 5º, e o 4º queda libre; hai dous esquemas de rima: aba-b nas estrofas impares e aaa-a nas pares. É unha cantiga paralelística ou de refrán, que neste caso é "Vai-las lavar alva"; tamén se repite o penúltimo verso, porén non consideramos que este faga parte do refrán porque está encabalgado co anterior, que si varía. Igualmente, repítese sen variación o segundo verso de cada estrofa, e isto afecta ao leixa-pren: non é o segundo, senón o terceiro verso o que reaparece como primeiro da estrofa posterior ("e vai lavar camisas", "e vai levar delgadas", "o vento lh'as desvia", "o vento lh'as levava"). Finalmente, a cantiga ten paralelismo: os versos primeiro e terceiro de cada estrofa son paralelos entre si ("levantou-se a velida/ louçana", "e vai lavar camisas/ delgadas", "o vento lh'as desvia/ levava", "meteus'alva em ira/ sanha").

terça-feira, 7 de fevereiro de 2017

Traballo cantigas

-Tempo: un mes (data límite de entrega 10 de marzo)

- Fonte a utilizar:
para buscar as cantigas accededes a
http://www.bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=Tro&alias=Trobadores&solapa=obras
ou polo camiño longo...
www.bvg.udc.es> obras dispoñíbeis para lectura> títulos de poesía>  trobadores> obras

- Que hai que facer:
 localizar tres (3) exemplos de cantigas de amor e outras tantas de amigo adscribíbeis a cada un dos subtipos estudados. É dicir, tres de amigo auto-louvanza, tres de lamento pola ausencia do amigo, etc e o mesmo coas de amor (tres de eloxio da dama, tres de declaración do amor do poeta...)
Os exemplos poden ser cantigas enteiras, estrofas ou incluso secuencias de versos (dous, tres, catro). En calquera caso, hai que explicar que é o que entendedes que vos fai escollela como exemplos desa temática.

- Exemplo:
 Muit'atendí eu ben da mia senhor
e ela nunca ben me quis fazer
e eu non tenho i al se non morrer

de Sancho Sánchez aparece a reserva da dama porque di nunca ben me quis fazer (nunca me quixo facer caso) é dicir, non acepta o galanteo. Tamén aparece a coita de amor, porque di non tenho i al se non morrer (só me queda morrer), o amor imposible fai que desexe a morte.